3 Gaiferos de Mormaltán

José María Anguita Jaén, “Gaiferos de Mormaltán y el duque Guillermo X de Aquitania: entre Jofre de Monmouth y Manuel Murguía”, Cuadernos de Estudios Gallegos, vol. 68, 134, pp. 91-123

Neste artigo revísase o status quaestionis do Romance de don Gaiferos, unha das pezas máis populares do repertorio galego a pesar de que os especialistas en literatura popular certificasen practicamente o seu carácter de falsificación, da que se responsabiliza ao seu descubridor e primeiro editor, Manuel Murguía.

Sen entrar en contradición aberta con este xuízo, no artigo conclúese que, aínda que Murguía poida ser, efectivamente, o responsable da forma final en que se coñece o romance, elementos nucleares do seu argumento (posto en relación xa por Murguía cun suceso protagonizado por Guillerme X de Aquitania) e o propio nome do protagonista (Gaiferos) pertencen a un fondo de materiais xenuínos. Para iso, insístese, por unha banda, na autenticidade do suceso histórico en si, a peregrinación e morte compostelá de Guillermo X en 1137; por outra, descóbrese a asociación da figura épica de Gaiferos coa casa ducal aquitana xa desde o s. XI. Finalmente, demóstrase que o personaxe literario de Gofarius Pictus da Historia regum Brittanniae (1,16-18) é unha alusión malévola de Xofre de Monmouth a Guillerme X que se explica como parte dun curioso intercambio polémico do autor británico con Aimerico Picaud (Liber sancti Iacobi 5,7). Todo iso insta a revisar a catalogación do Gaiferos de Mormaltán como un simple falso, debido a que máis ben parece tratarse dunha obra facticia, é dicir, unha reelaboración moderna de materiais literarios autenticamente medievais.